Sempre se di que a medida que unha vai cumprindo anos, vai estando segura de menos cousas na vida ou van cambiándolle as “certezas”, por así decilo. Eu levo tempo sen escribir, leo só cando podo e menos do que me gustaría, pero hai unha cousa da que estou segura: as historias que atopamos nas bibliotecas, nos libros e nos contos, son perfectas. Perfectas no sentido de que nelas todo ten sentido, todo está perfectamente ordenado para nós, lectoras e lectores, e que é a realidade a que non hai quen entenda. Que a realidade non che estropee unha boa historia 😉
Estes días celebrouse o Día da Biblioteca, e quero compartir con vós esta curtametraxe na que os libros son os protagonistas. Recoméndovos que a vexades sen présas, e se sentides polos libros e as historias a mesma devoción ca min , estou segura de que vos tocará a fibra.
E aproveito o Día da Biblioteca para deixar por aquí un par de recomendacións de libriños de maiores que mola ler e reler. É certo que tanto se poden ler un sábado pola mañá como un luns a mediodía, pero a miña idea idílica de Momento Lector sempre son as mañás de sábado de inverno: fóra, frío e gris; dentro, tele apagada (ou no punto limpio, directamente), música suave, alfombra con estreiro de xoguetes e contos para a pequena, e sofá, café e libro para a maior.
E se chove, que chova 😉
- AHORA enfrentarse al pasado es lo más valiente que puedes hacer, é o terceiro dos catro libros que Morris Gleitzman escribiu contando a historia dun neno xudío de 10 anos que escapa dun orfanato buscando á súa nai e a seu pai. Os outros libros son Una vez, Entonces e Después) e non podo deixar de lelos cada certo tempo.
- Eleanor&Park, de Rainbow Rowell. Teño que recoñecer que este libriño o escollín polas apariencias… a portada namoroume: gustáronme os debuxos, as cores, as letras, todo! Pode parecer unha historia de adolescentes e para adolescentes pero crédeme, non é (só) eso. Eleanor&Park é unha historia de amor, si. De idade do pavo, si. De problemas de instituto que aos meus 32 me resultan auténticas paridas e daquela morría con todo, tamén. Pero este libro ten un fondo “para adultas/os” estremecedor, escalofriante, desesperanzador e realista (que é o peor) que vas entendendo a medida que avanzas na lectura. E valo entendendo precisamente porque xa non eres (tan) nova/o. Unha historia que me fixo darme conta, unha vez máis, do adultocéntrico que é este mundo no que vivimos: a visión adulta e incluso a mera presencia dalgunhas persoas adultas, persoas coma min e ti, con crenzas que nos limitan e coas que limitamos, sen querelo, ás nosas fillas e fillos, pode estropear non só unha marabillosa historia de amor, senón tamén de aventuras, de medo, de intriga, de superación ou de calquera outro tipo. Que coidadiño hai que ter con eso…
- La mujer del viajero en el tiempo, de Audrey Niffenegger. O protagonista desta historia ten unha extraña disfunción xenética que lle fai viaxar no tempo. A súa muller, que é artista, agárdao ou atópase con el en diferentes momentos da súa vida. É unha historia que me fixo pensar moito sobre o que supón nas nosas vidas, e tamén e especialmente nas nosas historias de amor, o feito de que o tempo pase “de diante para atrás” e que os comezos non volvan, os finais non poidan evitarse, e os mentres vaian sucedendo polo medio sen que nos deamos demasiada conta e sen que lles deamos a importancia que doutro xeito igual lle daríamos.
Non hai nada como perderse nun bo libro Gracias polas suxerencias!😉