Non podo soportar saír da casa con gafas.
E por que? Pois eu supoño que é porque, como di o anuncio, «el ser humano es extraordinario». E como «ser humana» extraordinaria que son, levo máis de 20 anos co complexo que me provocaron cando tiña 10 ou 12 anos as burlas constantes de pícaros maiores ca min no cole. É igual que hoxe en día saiba que eses pícaros que tanto se rían de min son agora (e tamén o eran daquela) moito máis patéticos que todas as gafas do mundo, e é igual que me importe máis ben pouco si me quedan ben as fagas ou non, e aínda menos o que opine quen teño enfrente… O certo é que, aínda hoxe, non podo soportar saír da casa con gafas.
E é que as crenzas pouco importa de onde saíron, se son razonables ou se teñen lóxica: dende que as temos, téñennos a nós. A relación que a miña cabeza establece entre poñer as gafas e sentirme incómoda e fóra de lugar quedará aí para sempre. É certo que non é un problema, nin un trauma, nin me condiciona realmente no meu día a día… pero, oíche, este tipo de cousas están, quedan, e son dignas de ter en conta. No meu caso e por sorte son anécdotas das que agora son perfectamente capaz de rirme.
Chámame moito a atención cando alguén da miña idade se enche de razón e trata de quitarlle peso ao acoso escolar dicindo que «son cousas da picaraxada e a todos/as nos pasou«, coma quen que non é un problema real do que debamos asustarnos.
E como mostra, como exemplo de que «non pasa nada», esta xente ponse a si mesma. Elas e eles, que polo visto son hoxe en día persoas adultas sen un só complexo, sen un só recordo amargo do cole, sen unha soa emoción escondida, mal xestionada, sen unha crenza limitadora arraigada no máis fondo, sen unha soa consecuencia na súa alma de como se sentiron cando se metían con eles/as, por pouco que fora, por aquel entón. Sen un amigo ou amiga que quedara para sempre marcado ou marcada por insultos ou «cousas de nenos» … ou sen un sentimento de arrepentimento por terse metido con outros/as nenos/as, ou por non ter defendido a algún neno/a que os sufría, nalgún momento da súa vida.

O ser humano, que extraordinariamente perfecto (e adultocéntrico) é ás veces, verdade?
En parte por eso, hai novas que me poñen os pelos de punta. Esta que comentei nalgún outro post dalgún outro blog, hai xa tempo, é un exemplo: “El 43% de los chicos que sufren acoso escolar homófobo piensa en suicidarse”, unha proporción que, como di o subtítulo, «triplica aos que son sometidos a bullying por outras causas». O 17% dos nenos e nenas que son acosados/as por ser gays, lesbianas ou bisexuais pensa en suicidarse. Esta estadística é aterradora, a min parécemo, e penso que a todo pai ou nai ou persoa humana (extraordinaria ou non) que a lea tamén llo ten que parecer.
Penso eso, e despois escoito a nais e pais da miña idade dicir que as cocinitas son «de nenas» e os camións «de nenos», preguntarlle a un pícaro de 4 anos que nena é a súa novia, ou afirmar que «malo será que o pícaro me saia (¡!) maricón», ou poñer cara de susto cando se menciona a posibilidade de que o seu pícaro vaia disfrazado de princesa ou de fada, e cara de satisfacción cando o seu neno, xa case adolescente, lle levanta a falda a unha nena… pais e nais que desexan no profundo que o seu fillo ou filla encaixe no rol a toda costa. Que permaneza dentro do normal, que saque o mínimo os pés do tiesto.
Pais e nais que perden de vista o que é realmente extraordinario… que non ten por que ser eso.
A miña filla ten 5 anos e ten volto do cole dicindo xoias como:
– Mami, cando me case teño que facelo cun neno porque eu son unha nena.
Ao que eu respondo:
– Ti sabes que non ten por que ser así, porque fuche a unha boda na que se casaron dúas mulleres e ti víchelas.
E ela responde:
– Xa, pero teñen que ser un neno e unha nena. Dixéronmo no cole.
Esto é jodid* de escoitar para alguén coma min, que insiste en educala na liberdade e na diversidade, ás veces, de maneira obsesiva. Por moito que ultimamente trate de minimizar os envenenes no meu día a día, danme ganas de responder:
– E o fillo ou filla de quen che dixo eso? porque xa lle vale a seu pai ou súa nai estar desfacendo o traballo que fago en na casa con contos sobre coeducación e superheroínas, loitando contra os roles de xénero e os micromachismos do día a día, intentando comprender como funciona a cabeciña dunha nena de 5 anos para facerlle ver que o bonito non ten porque ser unha relación heterosexual e casarse de blanco cun señor nunha finca cun banquete multitudinario a 150 euros por cabeza, para que despois chegue o pobre filliño dun pai ou nai absolutamente desconcienciado/a e me desmonte o chiringuito cunha frase das de toda a vida: os nenos non choran, as nenas van de rosa, as gafas quédanche mal, as nenas casan só con nenos.
Pero unha ten que controlarse, e pensar que a picaraxada é eso, picaraxada, lembrar que eu tamén teño sido odiosa con outras cativas de pequena, que podo estar equivocada e ese pícaro ao mellor non escoitou eso de seu pai senón da tele, ou da avoa, ou dun que pasaba pola rúa, e sobre todo comprender que se o mundo dá tanto noxo ás veces non pode afectarme así, e que o único que podemos facer na casiña é poñer gran a gran de area para conseguir unha sociedade mellor comezando por nós mesmas…
… e pensar para min que me c*go na mar serena, e á miña filla contestarlle:
– Pois cando che volvan dicir que as nenas só poden casar con nenos, dilles que nin as nenas nin os nenos teñen porque casar con ninguén, e cóntalles tamén o da boda aquela tan bonita na que, ti víchelo, casaron dúas nenas que se queren moito.
Quererse. Eso si que é extraordinario.
Os problemas como o machismo e o acoso escolar, dos que falo neste post, teñen unha cousa en común e é que só saltan á vista (e aos medios, como non) cando desembocan en auténticas barbaridades como asasinatos, suicidios, feridos, agresións, etc.
Sempre me parecerán ridículas as concentracións de repulsa, os lazos rosas ou as declaracións da veciña na TVG cando os problemas estoupan, se mentres están latentes non se fixo nada por contribuir, dende o noso día a día, a darlle solución dende a base.
Non facer chistes machistas, non comentar o aspecto físico da xente, non xuzgar ás persoas por decisións persoais… Os problemas da sociedade non son culpa túa nin miña, pero si son cousa túa e miña. Se queredes saber como contribuír dende a casiña, aquí tedes varias visións profesionais sobre o tema do acoso escolar en concreto: ideas, campañas e iniciativas que seguramente teñen moito que aportar.
- Asociación Española para la Prevención del Acoso Escolar
- Contra el bullying
- NACE (Asociación No Al Acoso Escolar)
- É útil este minivídeo de Santiago Moll (Justifica tu respuesta) para entender os tipos de acoso escolar que existen.
- Tamén podedes pedir información á orientadora ou orientador do centro educativo ao que asiste a vosa filla/o, sobre esta problemática. A orientadora ou orientador saberá informar a pais e nais sobre medidas que se toman no cole ou no instituto para previr estas cousas (tamén digo unha cousa: se non sabe ou trata de «escurrir o bulto», si que xa será o momento de botar as mans á cabeza).
- Educación 3.0 comparte recursos e actividades para combater o acoso escolar.